venres, 1 de decembro de 2017

URXENTE: Aprobado o primeiro tramo de senda peonil do Val (A Concha - Baltar). Despídanse dos seus muros...

Por desgraza acabamos de ver publicado no DOG de hoxe, 1 de decembro de 2017, que o pasado 21 de novembro a Axencia Galega de Infraestruturas aprobaba o plan exposto a información pública do primeiro tramo da senda peonil que cruzará O Val: Itinerario peonil e ciclista na AC-116. Treito: Río do Pozo - AC-114. P.Q. 4+120 - 6+500. (É dicir, tramo A Concha - Cruceiro de Baltar).

Segundo este anuncio publicado no DOG,  e a pesar de valorar tódalas alegacións recibidas, parece que tan so tiveron en conta as presentadas polo Concello de Narón (por certo, alegacións das que non coñeciamos o seu contido, e que o propio concelleiro Manuel Ramos consideraba imposible a súa divulgación en base a escusas peregrinas): concretamente, a petición de estender a senda ata o Convento de Baltar. Neste caso, afortunadamente, e segundo indican no anuncio do DOG, esta extensión non precisará de expropiacións por atravesar exclusivamente solo público.
Aínda así, e lembrando as nosas alegacións sobre o PXOM, é curioso que se faga esa extensión da senda ata un lugar que, aínda que se lle da a consideración de "un dos principais focos de atracción da zona", non está protexido axeitadamente (como no caso do hórreo que pertence a ese conxunto).

Lamentablemente, nunca saberemos en que tería quedado o proxecto de terse establecido un diálogo cos habitantes da zona e os propietarios dos terreos dende que se coñecía a proposta do proxecto, e en base ao acordado, a Concellería de Urbanismo tirase dos seus recursos para ofrecer unha proposta beneficiosa tanto aos propietarios coma aos potenciais usuarios do novo vial.

Por desgraza, e segundo o último parágrafo do citado anuncio, a os propietarios que se consideren prexudicados polo proxecto tan so lles quedan as seguintes posibilidades:
  • Recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa
Neste punto, aproveitamos unha vez máis para resaltar a importancia do funcionamento da participación cidadá no concello: un traballo conxunto administración-cidadanía pode conseguir que unha inversión en infraestruturas sexa algo beneficioso, e non un trauma para os propietarios afectados polas obras. Por desgraza, e tal e como indicabamos nunha recente publicación en Facebooka participación actualmente está desaparecida.

Compre que sexa a veciñanza a que vaia tomando conciencia da participación como unha necesidade, e demandando a súa posta en práctica, aínda que -tristemente- a forma que teña de percibir tal necesidade sexa padecendo disgustos de cando en cando ...


Fontes:
Ler máis »

venres, 15 de setembro de 2017

URXENTE - Alegacións sobre o PXOM de Narón - O prazo remata luns 18 de setembro!

Sabiamos que isto pasaría: a falta de información pública por parte do Concello, a ausencia de asembleas veciñais respecto a este tema, o paroxismo da mecánica de participación cidadá en Narón, o aparente desinterese por parte dos partidos con representación no Concello -salvo contadas queixas [1],[2]-, a nosa falta de recursos e tempo ... Imaxinabamos que chegariamos á recta final do prazo de presentación de alegacións, e aparecerían alegacións importantes a presentar respecto do PXOM. Peor sería que aparecesen unha vez pechado o prazo, pero velaquí estamos.

Hai escasas horas enterámonos de que o colectivo de Castro que leva anos loitando contra a instalación da cementeira no Polígono do Río do Pozo, e que acadou que os tribunais a recoñecesen como ilegal, atopou que o novo PXOM, lonxe de corrixir esa situación, insiste nela. Así, no novo texto, o Concello pretende que o chan no que está instalada de xeito ilegal a factoría, teña a consideración axeitada para que reinicie a súa actividade de xeito legal.

Por outra banda, nos redactamos un humilde texto de alegación no que reclamamos que o hórreo que pertence ao conxunto Convento Sagrado Corazón y Santuario do Corazón de María (Pazo de Baltar) sexa catalogado e protexido polo PXOM e Patrimonio.

 

Cómo enviar as alegacións?

Andamos escasos de tempo: segundo o establecido na páxina habilitada para o período de información pública do PXOM, e tal como anunciaramos no noso anterior artigo, o prazo para enviar as alegacións  finaliza o vindeiro luns 18 de setembro. Así que por orde de axilidade, incluímos aquí a forma de enviar as alegacións:

  1. Enviar o texto das alegacións ([Cementeira], [Horreo]) través do correo electrónico: avaliacion.ambiental.estratexica@xunta.gal, cumplimentando antes nome, apelidos, DNI e domicilio. 
  2. Enviar o texto das alegacións usando o formulario habilitado na web Conselleria de Medioambiente e Ordenación do Territorio
  3. Imprimir o PDF das alegacións ([Cementeira], [Horreo]), cumplimentalo e envialo mediante fax remitido ao número 981 541 048
  4. Imprimir o PDF das alegacións, cumplimentalo, e presentalo  no rexistro administrativo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, situado en San Lázaro s/n, en Santiago de Compostela. Realmente non será preciso achegarse a Santiago para presentalo, xa que a Ley 39/2015, de 1 de octubre, del Procedimiento Administrativo Común de las Administraciones Públicas indica no seu artigo 16.4 que:

    Los documentos que los interesados dirijan a los órganos de las Administraciones Públicas podrán presentarse:
    a) En el registro electrónico de la Administración u Organismo al que se dirijan, así como en los restantes registros electrónicos de cualquiera de los sujetos a los que se refiere el artículo 2.1.
    b) En las oficinas de Correos, en la forma que reglamentariamente se establezca.
    c) En las representaciones diplomáticas u oficinas consulares de España en el extranjero.
    d) En las oficinas de asistencia en materia de registros.
    e) En cualquier otro que establezcan las disposiciones vigentes.

IMPORTANTE: tal e como se indica no documento TRÁMITE DE CONSULTAS PARA A AVALIACIÓN AMBIENTAL ESTRATÉXICA ORDINARIA será necesario cumplir o seguinte:
En calquera dos medios empregados deberá identificarse quen formula as observacións e suxestións (nome da unidade administrativa, ou nome do colectivo, ou nome e apelidos da persoa), facilitando tamén os datos de contacto.


Dende aquí, aínda que o prazo é breve, animamos a toda a cidadanía a enviar unhas alegacións que -na nosa opinión- é de xustiza presentar. E se dispoñen dunha conta de correo electrónico, non lles custará nin sequera sair da casa. 
Ler máis »

xoves, 20 de xullo de 2017

ALERTA PXOM NARÓN - Período de información pública: 17/07/2017 - 18/09/2017

Aínda que agardabamos atopar na prensa un aviso sobre o comezo do período de información pública do PXOM de Narón, acabamos de levar a sorpresa de ter que descubrir que dito período comezou o pasado luns 17 de xullo de 2017, e que tan so se prolongará ata o vindeiro -tamén luns- 18 de setembro de 2017.


Poden atopar toda a documentación publicada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio na seguinte URL: [Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Narón]

Dada a ausencia de interese por parte do Concello de Narón en sequera informar sobre este feito (ver Concello de Narón - Novas) -xa non digamos en facer actos explicativos polas parroquias informando sobre as novidades que supón o novo PXOM para os seus habitantes- , tocaralle á cidadanía organizarse para poder abordar en conxunto a súa análise e presentar emendas no que consideren lesivo para os seus intereses ou para o interese xeral.

Novas do Concello de Narón do 14/07/2017 - 19/07/2017. Do PXOM, nadiña ...


Da a casualidade que esta semana, os representantes do tecido asociativo de Narón recibiron a seguinte mensaxe de email, relativa á organización dos vindeiros Consellos Territoriais de Participación Cidadá:


Coincidencia ou non, a convocatoria dos Consellos Territoriais pretende demorarse ata o mes de setembro, eliminando a posibilidade de que o PXOM poda ser abordado dentro dos procesos participativos municipáis. Aínda así, o Regulamento de Participación Cidadá establece o seguinte:

Artigo 52. Normas xerais de funcionamento (Consellos Sectoriais)
(...) Reuniranse, como mínimo, unha vez ó semestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa preciso a xuízo da presidencia ou cando o soliciten un mínimo de un tercio dos membros do Consello.

Artigo 59. Normas xerais de funcionamento (Consellos Territoriais)
(...) Reuniranse, como mínimo, unha vez ó semestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa preciso a xuízo da presidencia ou cando o soliciten un mínimo de un tercio dos membros do Consello.

Artigo 66. Normas xerais de funcionamento (Consello Xeral) 
  1. O Consello Xeral de Participación Cidadá reunirase unha vez ó semestre con carácter ordinario e, con carácter extraordinario, cantas veces sexa preciso a xuízo da Presidencia ou o solicite, polo menos, a metade dos membros.
Evidentemente unha posibilidade pasaría por que os membros ou a presidencia destes Consellos solicitase convocatoria inmediata para poder abordar esta cuestión. Lamentablemente como xa expresamos noutros artigos, no concepto actual de Participación Cidadá que manexa Narón o cidadán non asociado non pinta nada, xa que a súa figura non está contemplada nos citados Consellos, que son os órganos recoñecidos polo Concello para temas de Participación. Así que neste caso estase a mercede da vontade que teñan as entidades que compoñen os Consellos -ou as presidencias dos mesmos -alcaldía ou concelleiros delegados-.

Noutro caso, a cuestión pasaría por que a cidadanía se organizase, analizase a información dispoñible co apoio daquelas persoas con máis coñecementos en urbanismo, e plantexar emendas de xeito individual e colectivo. Isto, curiosamente, supón unha verdadeira Participación Cidadá, xa que non se realiza baixo a tutela -interesada ou non- de administracións ou organizacións, non se somete a prazos, e expresa a vontade da cidadanía sen cortapisas. Evidentemente a relación coas administracións é un paso ineludible, pero esta independencia de operación permite a pervivencia do Movemento Participativo máis aló da duración das lexislaturas e do interese de quen ostenta un goberno ou determinado proxecto político. A combinación dun esforzo semellante en coordinación coa aplicación dun Regulamento de Participación Cidadá -aínda tan deficitario coma o do Concello de Narón- daría para unha verdadeira Participación Cidadá.

Coma sempre, o fundamental queda nas mans da cidadanía. Pola nosa parte, e co tempo limitado co que contamos, botaremos unha ollada á documentación e buscaremos axuda desinteresada para ofrecer información aberta e o máis obxectiva posible para a cidadanía de Narón respecto a esta cuestión. 
Ler máis »

luns, 5 de xuño de 2017

PXOM (II) - Un artigo de ADEGA titulado "Plans de Ordenamento Urbano"

Na nosa busca de información para destacar a importancia do PXOM de Narón, atopamos este artigo de ADEGA (Asociación para a Defensa da Ecoloxía Galega) publicado na súa revista CERNA Nº56, titulado "Plans de Ordenamento Urbano" e escrito por Lois Manoel Toirán.

A continuación reproducimos íntegro o contido dese artigo, ao que engadiremos comentarios sobre as particularidades do caso de Narón:

Portada da revista CERNA - Nº56




PLANS DE ORDENAMENTO URBANO

Lois Manoel Toirán*

Os PXOUs ou PXOMs son os Plans Xerais de Ordenación Urbana ou Municipal, un instrumento do que dispoñen os concellos para, moito máis aló de ordear o crecemento urbanístico ou o desenvolvemento do rural, a ordenación do territorio: cales van ser os seus usos, incluíndo temas esenciais como economía, medio ambiente, infraestruturas, etnografía... ou mesmo a calidade de vida da veciñanza. Paralelamente leva consigo unha normativa que rexerá as futuras actuacións.

PASOS PREVIOS
Na teoría estes documentos precisan para a súa planificación dunha serie de estudos iniciais sobre os que traballar, así como ter en conta a variada lexislación que deben recoller. Ao mesmo tempo deberan de reflectir tamén tanto as necesidades e sensibilidades sociais, como as propostas políticas dos gobernantes do que consideran o camiño a seguir. Pero indo máis aló, estes proxectos terían ao mesmo tempo que ter en conta aspectos comarcais, nacionais, estatais e mesmo internacionais. Aí temos por exemplo a AXENDA 21 ou o cambio climático, os espazos naturais, protección e fomento do rural, ou determinadas políticas galegas ou doutros niveis máis xerais, etc. A coordinación entre institucións debera ser fundamental.
En canto ás fontes de información de partida indicadas neste parágrafo, non temos coñecemento da existencia de estudos iniciais, nin da posibilidade de consultalos, salvo no caso da lexislación. Tampouco sabemos a importancia que lle deron á AXENDA 21, aínda que polo de agora en materia de política municipal a verdade é que a ignoraron en gran medida: de feito, non atopamos informe ou documentación algunha no Portal de Transparencia relativa ao grao de implantación da mesma. O que temos moi claro é que non tiveron modo de obter información sobre as sensibilidades e necesidades sociais, xa que a participación cidadá é moi deficitaria e non inclúe nin ten en conta a toda a cidadanía. De feito, o caso da Cementeira de Castro foi un flagrante caso de insensibilidade urbanística. 
Pero que é o que ocorre en incontábeis casos? Non é nada inusual, para o abraio de todo o mundo, que o propio equipo técnico redactor (que pode ser de Madrid ou de calquera outro sitio e descoñecedor da realidade) conte con cartografía incorrecta ou desfasada para empezar a traballar, con que non haxa nin se realicen catálogos correctos dos bens etnográficos, que non se teña en conta zonas de inundacións e que nin aparezan inventariados os espazos naturais a protexer.
En canto a inundacións, habería que ter en conta os casos reflectidos nas novas dos últimos anos:

Respecto a bens etnográficos, hai que ter moito ollo, xa que hai advertencias de desprotección ou actuacións nefastas:

A esas, nos engadimos o enguedellado traxecto do Camiño Inglés entre A Gándara e o Couto: https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=8329713

Sobre espazos naturais a protexer, o principal e máis magoado é a ría: e a ubicación actual de industrias contaminantes como Megasa, integrada tamén nun núcleo de poboación deixa bastante que desexar. Temos que lembrar que no seu momento se fixo unha ampliación desta planta facendo un recheo da ría. Haberá que ter ollo para saber se se reservan espazos para usos semellantes.

Por outra banda, mesmo se dan casos nos que o concello teña elaborada a Axenda 21 coa participación da veciñanza e que esta nin apareza mencionada nos estudos ambientais, económicos ou doutra índole nos documentos de ordenación. O mesmo pasa con temas como o cambio climático que quedan exentos e relegados a celebracións e actos propagandísticos do Día da Bicicleta, da Árbore ou doutras efemérides.
Sobre a Axenda 21 xa dixemos abondo arriba. Sobre o dos actos propagandísticos, deron plenamente no cravo.

As leis de aplicación para estes plans como a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Territorio ou as leis sectoriais (Augas, Patrimonio, Estradas, ...) poden quedar situadas nun segundo plano ante as presións do sector da construción. O exceso de edificabilidade ata límites escandalosos é unha das características máis comúns destes proxectos de urbanismo en moitas localidades.
Segundo a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), en Narón hai 3.186 vivendas desocupadas, o que supón cerca do 16% da vivenda total existente. Dada a actual situación económica da comarca, que está a provocar o descenso de poboación -sobre todo no caso do veciño Concello de Ferrol- que busca oportunidades laborais, o feito de que a comarca acumule máis de 24.000 vivendas desocupadas (La Voz de Galicia - Ferrolterra, Eume y Ortegal aglutinan 24.442 viviendas desocupadas), o progresivo envellecemento da poboación, a reducción na distancia entre nacementos e defuncións, ... fan crer que a edificación de nova vivenda non debería ser unha gran prioridade para Narón a nivel social. Evidentemente, o sector da construcción e os responsables de recadación do Concello -as licenzas de construcción aportan interesantes sumas- dirán o contrario.





A REALIDADE
A Xunta, como nunca sucedera antes, tivo que adoptar medidas para parar este sen sentido hoxe demostrado, por exemplo, coa crise da construción. Non faltou tempo para que empresarios da construción como a APEC (Asociación de Empresarios da Construción) saíran nos medios criticando calquera medida que procurara unha mellora da situación nun panorama desolador. Mesmo a Lei do Hábitat non se salvaba da “Lei do Tixolo” ditada por aqueles empresarios carentes de sensibilidade.

Milleiros de novas vivendas, millóns de metros cadrados urbanizábeis, novas autoestradas, circunvalacións, viais en xeral, poñíanse ao servizo dos construtores e dos seus patrocinadores-alcaldes nas cidades e vilas para espallar un estilo de vida, unha cultura que ignora os milleiros de vivendas baleiras ou aquelas outras abandonadas sen restaurar, agredendo ao medio rural (especialmente o máis próximo aos núcleos urbanos) e ao contorno natural e desoíndo aos colectivos veciñais e de todo tipo, como os colexios profesionais de arquitectos, xeógrafos, ... a maiores dos ecoloxistas. Aquí hai que resaltar como os novos viais son a ferramenta máis idónea da que se valen os urbanizadores para penetrar en espazos ata o de agora libres deste desenvolvemento insostíbel. O uso dos medios de transporte privados multiplícase e satura as novas vías de comunicación entre a cidade e as urbanizacións ou concellos - dormitorio lindeiros.

https://www.google.es/maps/@43.5187847,-8.1628659,379m/data=!3m1!1e3


Por outra banda, ata o momento foi característico, especialmente das grandes cidades, o illamento e/ou aniquilamento dos núcleos rurais tradicionais e do solo rústico en xeral, nas súas distintas variantes de protección. A urbanización tipo chalé faise dona de determinados espazos, chegando a substituír a cultura, o estilo de vida e mesmo lugares característicos galegos protexidos do contorno rural e natural fornecedor de alimentos, de biodiversidade e de calidade de vida.

Non se libran deste culto á construción os bens etnográficos: castros, camiños reais ou mámoas e conxuntos líticos quedan desfeitos ou sepultados baixo as construcións, se non hai alguén que denuncie a súa existencia e posta en valor.

Pensando nas cidades e vilas non debera ser posíbel que ante os enormes e numerosos polígonos industriais que se instalan (non valoremos agora a súa idoneidade), que non veñan acompañados dunha liña ferroviaria de mercadorías como medio de transporte fundamental.

PERSPECTIVAS
Viuse como a política pola que a construción se convertera nun dos eixos do crecemento económico estaba fondamente errada. Pero o sentido común tamén aconsellaba a través das denuncias xa feitas dende hai décadas (sobre o crecemento negativo da poboación, as consecuencias do uso dos combustíbeis fósiles ou o mal uso das enerxías e a prol da protección dos nosos valores naturais e rurais) que os Plans de Urbanismo deberan ser un instrumento máis para o desenvolvemento sostíbel da sociedade. É visíbel e palpábel que numerosos concellos teñen problemas para a súa tramitación, sexa por recursos presentados por particulares ou colectivos, sexa pola intervención da propia administración autonómica. Nunca houbo tantas leis. Só é necesario, e dun xeito urxente, que se cumpran.

Un cambio favorábel parece que se está a albiscar, insuficiente en numerosos casos. Este cambio na sensibilidade ten que percorrer e limpar, en primeiro termo, ás corporacións municipais e, despois, a todo un sector da sociedade que durante anos aprendeu que a especulación era un xeito de gañar cartos a costa do que fora, do noso contorno, da calidade de vida ou das economías familiares.

* Lois Manoel Toirán é membro de ADEGA e da Plataforma: “Lugo, a mellor cidade do mundo!



Agardamos que o artigo fose do interese dos lectores, e amose a importancia dun PXOM e os vicios dos que adoecen polo xeral. Dende aquí convidamos tanto á cidadanía a organizarse para analizar a parte deste plan que lle corresponda, como a aquelas persoas con coñecementos sobre urbanismo que quixesen aportar a súa opinión de xeito desinteresado para aportar máis puntos de vista sobre este tema. A labor que quedará por facer nos 2 meses que nos da o Concello -pois é quen decidiu gardar a documentación fora do alcance da xente ata que a publique a Consellería de Medioambiente- será enorme, e inabordable se non se fai de xeito colectivo.

Seguiremos informando...
Ler máis »

venres, 2 de xuño de 2017

Ante a próxima aprobación do PXOM

Imaxe extraíde de http://xeografianaron.blogspot.com.es/
Fonte orixinal: www.planeamentourbanistico.xunta.es
Estamos de volta? Qué máis quixéramos... aínda que tamén podemos dicir que dado que nunca abandonamos a nosa faceta de cidadáns, non nos iremos de verdade ata que nos toque. E curiosamente hai cousas que farían espertar a un morto coa preocupación, xa que por afectar, ata poderían afectar aos cemiterios. Agardamos que non sexa o caso, pero o anuncio da próxima exposición pública do PXOM -Plan Xeral de Ordenación Municipal- preocúpanos bastante. Non só por antecedentes recentes de cuestións que non deberan resultar preocupantes, como aquel proxecto de senda peonil e ciclista entre Narón e Valdoviño (ver 1, 2 e 3), que pasou de puntiñas como algo irrelevante e resultou ter potenciais afectacións a veciños por mor de expropiacións, e que por falta de información case chegan tarde a presentar as alegacións. Tamén polas formas: acabamos de saber pola prensa (concretamente por La Voz de Galicia - Personal del equipo redactor del nuevo PXOM informará a los vecinos de las variaciones ) que se informou de que a apertura do período de información pública do PXOM terá lugar como moi tarde a finais deste mes de xuño, e que haberá 2 meses para presentar alegacións. Curiosamente este anuncio se fixo no recentemente estreado Consello de Participación Cidadá de Narón. E ata adiantan que porán o persoal do concello a disposición da cidadanía para resolver dúbidas durante 2 días á semán nese período. Ata aquí parece que todo pinta ben, sempre que non se teñan en conta os seguintes detalles:
  • A participación cidadá en Narón presenta numerosas taras, tal e como puidemos ir sinalando durante o tempo de funcionamento desta publicación. Tal é así, que o Consello de Participación Cidadá debería terse constituído no comezo da lexislatura -por non dicir antes- e que polo tanto leva 2 anos de retraso. Maís aínda se lembramos que os propios Consellos Territoriais teñen o defecto de que tan so convocan aos representantes de entidades asociativas, deixando fora da súa labor a toda a cidadanía non asociada. Cuestión que aínda se agrava máis se pensamos que as actas das reunións destes Consellos non se publican nin se poñen a disposición da veciñanza. 
  • Tendo en conta a situación da participación cidadá, a cousa empeora se pensamos que dende o comezo dos traballos para elaborar o PXOM, non se lle foi entregando a estes órganos de participación a documentación que se ía elaborando para que a cidadanía puidera debatir sobre ela e así adiantar posibles problemas que puideran xurdir.  Pode crer o lector que pedimos moito, salvo que botemos unha ollada á paxina web da CMAOT - Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM): alí observaremos que no comezo do proceso de elaboración do PXOM se desenrola un borrador do plan e un documento inicial estratéxico, e que podería ser un bo material para entregar a estes Consellos de Participación co fin de elaborar un PXOM o máis participativo posible. Pero non so iso: nun período de consultas previas as persoas interesadas -por exemplo, veciños afectados- poderían manifestar as súas alegacións ao respecto. Lamentablemente, isto non tivo lugar, e foi evidentemente por falta de vontade do Concello.
    Pero iso non é todo: na nota de prensa publicada polo Concello (Os orzamentos municipais e o borrador do novo PXOM abordáronse na reunión do Consello Xeral de Participación) indican que haberá que agardar ata que Medioambiente emita informe, e que "Unha vez resolva, Medio Ambiente colgará na súa páxina web o documento para que se poida consultar e durante dous meses poderán presentarse alegacións medioambientais e doutros concellos limítrofes". Non so se trata de agardar ata entón cruzados de brazos, senón que despóis, quen saiba facelo, terá que encargarse de descargar a información. Para qué usar o noso flamante e galardoado Portal de Transparencia? Quén querería dar unha volta nun Ferrari puidendo telo aparcado na palleira?
  • Para máis inri, a "axuda" que ofrece o Concello adoece das taras de sempre: faise de xeito individualizado e unipersoal. Básicamente un "divide e vencerás" que ten as seguintes consecuencias:
    • Os consultantes nunca van coñecer se a súa situación é única, ou se hai máis xente coa mesma problemática. Isto péchalles a porta á hora de facer un fronte común respecto a unha medida prexudicial.
    • Relacionado co anterior, non existe a garantía de que a resposta que se lle dea a dúas persoas coa mesma problemática sexa a mesma, xa que moi probablemente esta sexa de caracter verbal.
    • Unha das vantaxes do debate público é que pode "abrir mentes": pode que haxa cousas que non nos parecesen un problema, ata que escoitamos a outra persoa facer un relato e nos deamos conta de que iso nos pode prexudicar a nos tamén.
Comprenden agora a nosa preocupación ao respecto? E máis se botamos a mirada atrás e lembramos manobras de ordenación do territorio como a que permitiu a operación da cementeira de Castro: unha instalación que finalmente foi declarada ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e refrendada polo Tribunal Supremo. Citando a La Voz de Galicia - Los vecinos de Castro buscan que la Xunta paralice la cementera:

«A sentencia deixou sen efecto a autorización ambiental outorgada no seu día polo departamento da Xunta desestimando a modificación do Plan Xeral que se levou a cabo coa aprobación dun plan sectorial, por considerar que dita modificación vai en contra do principio de xerarquía nominativa» 

Cómo se quedaron? Pois velaí o noso motivo para volver a escribir. E volveremos a facelo nos próximos días, aportando información sobre os riscos que supón non elaborar un proceso de debate veciñal colectivo sobre o PXOM que ven, e que fundamentalmente poderían resumirse en que fose redactado para o interese duns poucos, en lugar de para estar ao servizo de toda a cidadanía.

Ata a próxima entrega... 
Ler máis »

domingo, 27 de novembro de 2016

Luns 28 de novembro, 12h - Pleno Extraordinario para reprobar a actitude do concelleiro de ENE

A pesar da nosa mermada capacidade para soster a actividade informativa coa que nacemos, e que ímos satisfacendo co pouco tempo libre que temos, tivemos a sorte de dar na prensa local coa nova "En Narón, todos a una contra un concejal" de La Voz de Galicia. E dicimos sorte porque non atopamos mención a unha cuestión que nos parece bastante relevante a nivel político en ningunha outra canle de comunicación, e menos nas institucionais do Concello. De feito, últimamente a administración local está a faltar ao seu compromiso de enviar ás entidades asociativas a orde do día dos plenos...
U-la convocatoria de pleno? - Imaxe tomada o 27/11/16

Recapitulando, ¿a qué tanta importancia como para movernos a publicar unha das nosas -últimamente escasas- informacións? Moi sinxelo: a citada nova fala da realización dun Pleno Extraordinario o luns 28 de novembro, ás 12:00h -este último dato non se menciona curiosamente- con caracter simbólico para reprobar a actitude do concelleiro Alfonso Casal de ENE. A pesares dese feito, o citado pleno faise en base a un "expediente reservado" -citamos textualmente da nova- asinado por tódolos partidos políticos con presenza no Concello -salvo ENE- e do que apenas se coñece o que brinda a propia noticia:

  • Abuso do servizo de fotocopiadora municipal
  • Críticas á labor realizada polo persoal do Concello
  • Críticas á labor do Concello, entre as que se citan 
    • ao Regulamento Orgánico Municipal
    • aa accesibilidade ao salón de plenos, arquivada pola Valedora do Pobo
    • alegacións á Conta Xeral do 2015

De feito, faise énfase na "investigación" realizada no caso das fotocopias, respecto á cal hai redactado un informe que asinan a xunta de persoal e o comité de empresa do Concello. Por outra banda, parece que as críticas á labor do Concello foron quen de crear suficiente irritación como para esixirse resposabilidades políticas dende os representantes dos empregados municipáis.

Curiosamente, e a pesares da aparente gravidade que parecen revestir as acusacións que se lle imputan ao concelleiro de ENE -abondo para (por primeira vez na historia do Concello) convocar un Pleno Extraordinario, e facer uso deste órgano público para amonestalo- , apenas trascendeu información á prensa do caso, nin sequera declaración pública algunha por parte do Concello, que soe ser bastante amigo de dar roldas de prensa para anunciar aquilo que considera salientable.

Por este motivo, consideramos máis que interesante que a cidadanía asista a este pleno, porque das argumentacións que se escoiten alí se sacará en conclusión se facer un xuízo político a un representante cidadán empregando un órgano municipal como é o Pleno era algo necesario, ou se cadra un abuso do órgano plenario co fin de defenestrar un adversario político molesto. Evidentemente, unha manobra semellante terá un resultado positivo ou negativo para quen a empregue en función dos argumentos que a respalden. De resultar que aquilo polo que se pretende amonestar ao concelleiro non é máis que froito do exercicio das súas competencias como representante electo, e do seu dereito a criticar a actividade do goberno, non rebasando en ningún momento os límites da legalidade, tanto os partidos que respaldan a reprimenda, como os traballadores ou mesmo o goberno municipal quedarán como artífices dunha sorte de linchamento político dun elemento "molesto" que pretende alterar o "statu quo" do Concello. Un "statu quo" no que indagar demasiado na actividade municipal delataría dinámicas que non interesa que trascendan públicamente, e no que as oposicións se plantexan únicamente de xeito ideolóxico, ou partidista, pero nunca de xeito práctico e sobre a realidade de Narón.

Non deixen que a prensa lles conte a versión oficial que en forma de nota de prensa entregará o goberno municipal: asistan vostedes mesmos e saquen conclusións.
Ler máis »

xoves, 27 de outubro de 2016

Entrevista do alcalde en TV Ferrol (I) - Falsa imaxe da participación cidadá en Narón

O pasado 30 de setembro de 2016 o alcalde de Narón, José Manuel Blanco participaba nunha entrevista no programa Espacio Abierto de TV Ferrol.

O que máis nos sorprendía desta entrevista era a resposta a unha pregunta que se lle facía sobre os orzamentos participativos. Velaquí ese fragmento concreto da entrevista:



Vista a lamentable situación da participación cidadá en Narón, vémonos na obriga de sinalar unhas cantas cuestións en canto a orzamentos participativos, e participación cidadá en xeral:

  1.  Lembramos que no Regulamento de Participación Cidadá, no seu artigo 65 -relativo a funcións e competencias do Consello Xeral de Participacion Cidadá- establece o seguinte compromiso:
    6. A corporación municipal facilitará tanto ó consello de participación cidadá como ós consellos sectoriais o orzamento ordinario desglosado en partidas e por programas, co tempo suficiente para que cada consello sectorial poida ter opinión, aportar ideas e achegar propostas a dito orzamento. Unha cuestión da que parece non lembrarse o alcalde na entrevista, e que descoñecemos se é unha omisión oportuna, ou un descoido froito da desatención por parte do Concello das cuestións en materia participativa. Sexa como sexa, é algo que non se está a cumplir, e no que afondaremos máis adiante, cando analicemos o estado dos órganos de participación cidadá.
  2. Cando o alcalde di que hai partidas que quedan fora do ámbito da participación cidadá, como persoal, está moi equivocado: a cidadanía pode participar respecto a esta cuestión sen pretender decidir o que teñen que cobrar os funcionarios.
    O persoal da servizo ás distintas concellerías, as cales se encargan de responder ás necesidades do concello. Se hai un área que teña unha grande demanda de atención cidadá, o máis probable é que requira de máis persoal. Neste punto é a cidadanía a que ten máis claro se as súas necesidades se están a satisfacer correctamente, ou se ve que haxa servizos deficitarios en persoal -por exemplo, o sociocomunitario-. Polo tanto, persoal si é unha cuestión dentro do ámbito da participación.
    Probablemente o goberno municipal poda aducir na súa defensa o feito de que as últimas reformas feitas polo goberno central do PP -fundamentalmente a Ley de Racionalización y Sostenibilidad de las Administraciones Locales (LRSAL)- dificulten a contratación de persoal en función do aportado pola cidadanía. E é certo: pero hai que ter en conta o seguinte:
    • Que exista esa dificultade non impide que o Concello recolla a voz da cidadanía nestas cuestións. O xeito de facelo podería ser non só a través dos órganos de participación definidos no regulamento -dos que falaremos máis adiante-, senón publicando informes periódicos de cada unha das áreas, permitindo á cidadanía valorar o seu traballo, publicando finalmente o resultado desas valoracións. A este respecto, na Ordenanza de Transparencia, ANEXO I, apartado f) -servizos e procedementos- ven reflexada a obriga de publicar a seguinte información:
      • Procedemento para presentar queixas ou suxestións sobre o seu funcionamento
        • Cartas de servizos e outros documentos de compromisos de niveis de calidade estandarizados cos cidadáns
        • Grao de cumprimento a través de indicadores de medida e valoración.
      E cremos poder asegurar que esta información non se acha dispoñible actualmente por ningures. Do contrario, convidamos ao Concello a que o desminta indicándonos onde podemos atopala, caso no que, gustosamente, rectificaremos estas liñas.
    • O Concello non so conta co persoal funcionario para desempeñar as labores que lle son propias. Tamén conta coas seguintes posibilidades:
      • Asinar contratos: cando o Concello é promotor dunha actividade por pertencer ao ámbito da súa responsabilidade, pode asinar contratos para garantir a súa prestación. Temos como exemplo os servizos de recollida de lixo, auga, saneamento, xardineiría, etc. Esta posibilidade sempre deberá practicarse dentro dos límites legais -establecidos principalmente na Ley de Contratos de Servicio Público (LCSP), aínda que tamén afecta o estipulado na citada RLSAL-.
        Respecto aos contratos, compre sinalar varias cousas:
      • Asinar convenios: para o caso de actividades das que o Concello non é promotor, senón que ten interese no seu fomento, ten a posibilidade de realizar a sinatura de convenios con outras entidades que desenvolvan a actividade que se pretende fomentar. Recentemente o Concello anunciaba a sinatura para este ano 2016 de convenios por case 780.000€.
        O problema desta modalidade é que está a escapar por completo da auditoría cidadá debido a que non se publican as bases dos convenios. Non so iso: a xustificación destes queda so no coñecemento da Administración Local. Isto limita completamente a posibilidade de que a cidadanía saiba se a inversión é suficiente ou excesiva, e se está plenamente xustificada. E non so iso: no caso de entidades como as deportivas, que comparten o fomento dunha mesma actividade -por exemplo, clubes de futbol-, non existe a posibilidade de saber se outras ás que non se lles ofrece asinar un convenio estarían a cumplir o estipulado nas bases das asinantes de convenio. Polo tanto non se sabe se hai entidades que merecerían tanto ou máis a sinatura dun convenio respecto ás que disfrutan dese beneficio actualmente.
        Por certo, a Ordenanza de Transparencia -ANEXO I, apartado d)- compromete ao Concello a publicar a seguinte información sobre convenios:
        • Relación dos convenios subscritos con indicación de:
          • Partes asinantes
          • Obxecto
          • Duración
          • Modificacións
          • Obrigados á realización das prestacións
          • Obrigas económicas
        Neste aspecto, o único que atopamos publicado sobre convenios é  a listaxe das Subvencións de 2015, na que aparecen xuntos e revoltos tanto convenios subscritos coma subvencións. Algo que dista bastante do compromiso citado arriba.
  3. En relación á participación na redacción dos POS (Plans de Obras e Servizos), o alcalde indica que estes se realizan sempre de acordo coas asociacións de veciños. E di que idem para as obras concretas:
    • En primeiro lugar, discrepamos rotundamente que sexa así, e convidamos ao Concello a que o desminta publicando as actas das reunións establecidas con estas asociacións relativas a tales cuestións.
    • En segundo lugar, e dende o punto de vista do Regulamento de Participación Cidadá, o ámbito para discutir estas cuestións non debería ser unha reunión cunha asociación de veciños, senón os Consellos Territoriais, e posteriormente, o Consello Xeral de Participación. Como xa dixemos, falaremos máis adiante das taras que adoecen estes órganos actualmente.
    • En canto a obras concretas, basta con botar unha pequena ollada na prensa para ver cómo houbo e hai un bo número de desencontros -que non debates saudables- entre veciños e Concello en materia de obras, como no caso da Praza de Xúvia, a Casa Reitoral de Pedroso, as cuestións de accesibilidade, a senda peonil polo Val, ... E mirando un pouco máis atrás, ata un conflicto que leva vivo máis de dez anos, como é o da cementeira do Río do Pozo.
  4. Respecto aos Padroados de Cultura e Deportes: se ben é certo que entre os seus vogais hai cidadáns escollidos mediante elección, non podemos considerar moi participativo o sistema. Por exemplo, no caso do Padroado de Cultura, o artigo 7 dos seus estatutos explica que os vogais que forman parte da cidadanía so poden ser membros das seguintes entidades: consellos escolares de colexios públicos, asociacións de veciños e asociacións culturais. E non so iso, senón que na elección dos mesmos so poden participar ditas entidades. E non nos parece democrático nin participativo sobre todo polo feito de que as asistencias ás reunións do Padroado son remuneradas -100€ por persoa e sesión-, e eses cartiños saen dos petos daquelas persoas que non tiveron opción a escoller aos seus representantes nese órgano -salvo no caso dos concelleiros que forman parte do Padroado-.
    Por outra banda, e tras a aprobación do Regulamento de Participación Cidadá, os Padroados encaixan máis dentro da figura dos Consellos Sectoriais, e parecería razoable integrar as dúas figuras nunha.
  5. Das cuestións que máis nos preocupan en materia de participación é a posición do cidadán a título individual respecto ao Concello. O Regulamento de Participación Cidadá actualmente non lle recoñece aos veciños a capacidade de participar nos Órganos de Participación Cidadá se non é membro dunha entidade asociativa. Esta situación impediría que calquera cidadán cunha suxestión, idea ou queixa que non sexa do interese dunha destas entidades teña voz no Concello, por moito que a cuestión sexa de interese xeral.
    De feito, a cousa tena máis que cruda, xa que actualmente, a cidadanía de Narón ten imposibilitado contactar de xeito fiable co tecido asociativo do concello. Isto é debido a que -moi a pesar das nosas reclamacións- seguimos sen dispoñer dunha listaxe pública, completa -con teléfonos cando é posible- e actualizada das entidades asociativas de Narón. Curiosamente, ningún dos Concellos da contorna (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ares, Mugardos, ...) parece ter reparos en publicar esa información. Ainda así, parece que temos que crer que somos o non plus ultra da participación cidadá.
  6. En canto aos órganos de participación, podemos facer as seguintes valoracións:
    • Consellos Territoriais: se este mandato deu comezo a finais de maio de 2015, e ao pouco xa estaban designados os concelleiros que participarían nestes órganos de participación, a súa convocatoria demorou ata febreiro de 2016. Pero isto non é novo: dende o ano 2013 non houbo convocatoria algunha destes consellos. O máis parecido que tivo lugar foi -no momento en que se achegaban as eleccións municipais- a invitación ao tecido asociativo a participar en xornadas formativas da Escola de Participación.
      Por desgraza, os resultados desta primeira convocatoria non foron publicados polo Concello coa fin de que a cidadanía de cada unha das zonas vinculadas a cada consello soubese cales foron os acordos acadados, ou as valoracións feitas. Tan so foron trasladados aos membros do Consello Territorial. E polo que estivemos a buscar -principalmente nos recursos online das asociacións veciñais- tampouco atopamos que éstas tivesen a ben publicar ditas actas ou difundilas.
      Hai uns días -e milagrosamente rompendo a dinámica descrita atrás, e cumprindo os prazos de 6 meses estipulados no regulamento- convocáronse de novo estes consellos territoriais.
      Sobre a normativa que rexe estes órganos, hai varios puntos dos cales o seu cumprimento -ata o de agora- queda en entredito:
      • Artigo 58.2) Recadar propostas cidadás e informar ós órganos de goberno do consello do funcionamento dos servizos municipais do territorio plantexando propostas para o seu mellor funcionamento: non nos consta se existe un mecanismo para recoller estas propostas, ou cal é.
      • Artigo 58.3) Presentar ó concello, anualmente, un estado de necesidades e problemas específicos do territorio, con indicación e selección de prioridades para a súa posible inclusión no plan de actuación municipal: non nos consta a existencia destes informes, que non atopamos publicados en ningures. De feito, dados os longos períodos de inactividade dos Consellos Territoriais, extrañaríanos ben que se chegasen a facer.
      • Artigo 58.10) Seguimento no cumprimento dos acordos adoptados polo Concello sobre as propostas do consello terrritorial, dándolle traslado do texto completo dos acordos e dos informes técnicos correspondentes si fora necesario. Aínda que tampouco temos constancia da existencia de informes de seguimento destas cuestións, dado que na orde do día da actual convocatoria dos consellos achamos o punto "2. Devolución de información das propostas cidadás recollidas na sesión ordinaria anterior, do semestre.", agardamos que este seguimento quede patente nas actas desta convocatoria.
    • Consello Xeral de Participación: do mesmo xeito que no caso dos Consellos Territoriais, este leva sen convocarse dende o ano 2013. Salvo a mención feita ás atribucións respecto ós orzamentos deste órgano, interésanos facer as seguintes mencións á normativa:
      • Artigo 65.3 - Debater e valorar as conclusións dos estudos e traballos sobre temas estratéxicos que realice o Concello. Descoñecemos se o Concello fai tales estudos ou traballos, e se os fai, por desgraza non son públicos. ¿De qué xeito poderían debater neste órgano sobre eles se non se proporcionan? Lembramos que, previa discusión neste órgano, debería facerse nos Consellos Territoriais e Sectoriais, e éstes teñen a obriga de informar á cidadanía. ¿Qué mellor cousa entón que publicalos? Por desgraza, o lugar axeitado para a súa publicación -o Portal da Transparencia- segue tendo demasiado espazo baleiro.
      •  Artigo 65.4 - Ser consultado polo Concello ou polas comisións informativas en asuntos de interese específico para o municipio, estando obrigado a dar resposta. Algo que sería estupendo que ocorrese é esa demanda de opinión en temas de interese á cidadanía dende o Concello, e con resposta obrigada, e todo recollidiño nunha acta. E prometemos facer un extenso artigo, adornado con guirnaldas, luceciñas, laciños e o que se tercie cando se dea tal ocasión, que parece máis ben cuestión de ficción actualmente.
Tras esta longa exposición que agardamos fose máis clarificadora que aborrecida, xórdenos a interrogante de por que o señor alcalde, Don José Manuel Blanco fai estas declaracións entón. Para nos caben dous supostos, cada un con notables inconvintes:
  • O alcalde ten tan desatendida a cuestión da participación cidadá, e sinte tanta desafección por ela que nin sequera é capaz de recoñecer a que cuestións afecta e a cales non. Algo que, como mínimo é un problema de sensibilidade.
  • O alcalde sabe ben o que corresponde ao terreo da participación cidadá, pero minte amparándose no descoñecemento da cidadanía, no seu desinterese ou na súa desafección política, e empregando intelixentemente os medios de comunicación para crear esa sensación de que en Narón todo vai de maravilla.
Por outra banda, temos que lamentar profundamente que teña que ser esta humilde publicación online  a que denuncie estas cuestións, e que aqueles que foron designados nas urnas para representar e defender os intereses da cidadanía non teñan a ben aclaralas. Respecto a isto, xorden tamén multitude de interrogantes, que teñen que ver en moito coa súa capacidade para desempeñar o papel para o que foron escollidos: sobre todo, porque basta ler a normativa para que saian á luz estas cuestións, ademais da capacidade de poñerse na pel do cidadán común.

Tristemente, o que supoñemos que ocorrerá é que haberá dentro da oposición quen saque réditos desta información incorporándoos ao seu argumentario, pero -tal e como veu ocorrendo ata agora- non se tomarán medidas para endereitar a situación, mantendo á cidadanía tan alonxada coma sempre de todo aquilo que teña que ver coa política e que non sexa meter unha papeleta nunha urna.

A nos quédanos o consolo de divulgar a información, e a esperanza de que tal vez un día a cidadanía decida tomar as rendas e ocupar o espazo que lle corresponde na vida política.
Ler máis »

venres, 2 de setembro de 2016

Senda peonil do Val: alegacións presentadas por Eliximos Narón

O concelleiro Alfonso Casal de Eliximos Narón tivo a ben proporcionarnos unha copia das alegacións que presentou o pasado xoves 1 de setembro sobre os proxectos de senda peonil pola AC-116 (estrada Ferrol-Meirás-Valdoviño) que afectarán á parroquia do Val.


Para acceder a estas alegacións, basta con pulsar a seguinte ligazón: [Alegacións Eliximos - PDF]

Por unha banda, agradecemos o traballo realizado por este concelleiro para dar apoio á veciñanza do Val afectada por este proxecto. De feito, de non tomar él a iniciativa sería moi probable que o plazo de presentación de alegacións rematase sen que as persoas afectadas soubesen sequera del.

Tamén agardamos que as alegacións enlazadas máis arriba fosen tamén enviadas aos responsables de urbanismo do Concello de Narón coa fin de que as estuden e as incorporen a aquelas que teñen pensado presentar. Sería moi importante que fose así, xa que terán moito máis peso as alegacións presentadas por unha administración local que as que achegue un concelleiro.

Como non é o noso propósito servir de vehículo promocional a unha soa forza política, queremos lembrar que estaremos encantados de publicar -como xa fixemos nalgunha outra ocasión- calquera información de caracter sociopolítico aportada por partidos, entidades veciñais ou persoas particulares que puidera ser de interese para a cidadanía de Narón.

Quedamos pendentes de facer unha análise da reunión mantida co Concello de Narón o mércores 31 de agosto, que realizaremos unha vez o Concello publique -tal e como prometeu- as alegacións que presentará a este proxecto.


Ler máis »

mércores, 31 de agosto de 2016

Senda peonil no Val: indolencia do goberno municipal, e un dato interesante para as AVV de Narón. Nova reunión: mércores 31 ás 20h

Na nosa última entrega informabamos do contido dos proxectos da senda peonil que plantexa construir o goberno autonómico na parroquia do Val, e dunha reunión que convocaba Eliximos Narón para falar desa cuestión o sábado 27 de agosto, ás 10:30h, no Local Social do Val.

Pois ben, á citada reunión acudiron ao redor de vinte veciños da parroquia, ademáis dos concelleiros Manuel Antonio Ramos Rodríguez -como responsable de Urbanismo, Medioambiente e Patrimonio e bens inmobeis-, e María del Mar Gómez Casal -responsable de Feiras e Mercados, Festas e Ocio e Estatística-. Tamén se contou coa presenza da AVV do Val, aínda que so asistiu so un dos seus membros.

O concelleiro Alfonso Casal de Eliximos Narón comezou facendo unha exposición dos proxectos, así como das cuestións que detectaron tras estudalo. Unha exposición que se veu multitude de veces interrumpida por uns veciños completamente desorientados sobre cómo ían a ter lugar as obras, cómo ían afectar ás súas propiedades, e visiblemente enfadados pola falta de información, e por non teren sido consultados respecto aos citados proxectos. Durante esas interrupcións, os asistentes aproveitaron para lanzar preguntas e expresar as súas queixas ao concelleiro de urbanismo, nun clima bastante tenso, sendo incluso increpado en varias ocasións. O motivo fundamental: a falta de información.

Na súa defensa, o concelleiro Ramos, co respaldo da súa compañeira de goberno, esgrimiron os seguintes argumentos:

O Concello non sabía nada ata hai un mes

Ou máis concretamente, non consideraron interesante informar de nada mentres non se presentaban a exposición pública os proxectos completos. Lembramos que foi o pasado 29 de xullo cando se abriu durante 30 días hábiles este período de información pública. Sen embargo, e tal e como contamos no noso anterior artigo, a Xunta licitou a finais de 2015 a elaboración dos proxectos da senda, e que a prensa anunciou a finais de marzo de 2016 que os proxectos estaban finalizados. De feito, o Concello de Valdoviño mantivo unha reunión antes do 29 de xuño cos técnicos da Axencia Galega de Infraestructuras na que se falou do proxecto, e a raiz da cal o Concello de Valdoviño presentaba o 29 de xuño unha solicitude pedindo a ampliación do proxecto.  O Concello de Narón tivo unha reunión semellante, pero ¿cal foi o resultado? Non trascendeu, pero parece que non fixeron os deberes coma no veciño concello. O máis que chegaron a comunicar dende o Concello de Narón foi unhas declaracións do concelleiro Ramos ao Diario de Ferrol nas que informaba que eles estudarían ampliar a senda peatonal dende a estrada xeral ata o campo de futbol do Val. Iso si, sen consultar antes a ninguén se ese era algo demandado pola cidadanía desta parroquia, ou considerado necesario, debido á baixa afluencia de tráfico por esa pista. 

O Concello fixo o que tiña que facer

Realmente o que fixo foi o mínimo esixible por lei: a publicación do anuncio do DOG co período de información pública, e deixar a disposición da cidadanía na sede do Concello dunha copia dos proxectos. Máis aló diso, parece que mantiveron unha reunión coa AVV do Val, na que -segundo o membro desta asociación asistente á reunión- lles deron copia do proxecto e do anuncio do período de información pública e lles pediron que o puxesen no taboleiro de anuncios do local social. Tal e como comprobabamos durante a redacción do anterior artigo, non houbo ningunha nova publicada polo Concello en prensa nin nos medios de comunicación municipais referente a este proxecto. Tan so a citada nova do Diario de Ferrol, e a publicación no Taboleiro de Anuncios do Concello de Narón do aviso do período de información pública.

Esta posición dos membros do goberno foi mantida de xeito reiterado durante toda a reunión: a obriga de informar non é súa como membros do goberno, e en poder de toda a información relativa ao que ocorre en Narón. A obriga é da cidadanía de consultar o taboleiro de anuncios, e en caso de que ocorra algo -aínda que sexa de interese xeral, ou dun bo número de persoas como é o caso que nos ocupa- asistir en persoa ás oficinas municipales para ser asesorada. Poderiamos dicir que iso non se cumple cando se trata de recadar taxas ou tributos, momento no cal se envía a cada domicilio unha petición personalizada para saldar a débeda. Aínda que tampouco fai falla chegar a ese extremo de comparación: se calquera se conecta estes días á páxina web do Concello, ou á sección de Narón da Voz de Galicia, verá anunciado de forma bastante chamativa a "III Festa Infantil Cidade de Narón" que terá lugar este 4 de setembro. Algo que se ben merece un espazo para ser anunciado, moito máis o merece un proxecto que afectará a 75 parcelas da parroquia do Val.
Publicidade da "III Festa Infantil Cidade de Narón" nas redes
Aínda así, non consideramos suficiente a labor de información dende o Concello. Tras revisar o Regulamento de Participación Cidadá, atopamos no seu artigo 58 -que fala das funcións e competencias dos Consellos Territoriais de Participación Cidadá, por certo, presididos polo alcalde ou concelleiro designado-, as seguintes atribucións:

4) Analizar os elementos do plan de actuación municipal que afecten ó territorio de que se trate. O Concello informara ao consello das actuacions que se van a cometer na parroquia.

5) Facilitar a maior información e publicidade sobre as actividades e acordos municipais que afecten a cada territorio.

6) Colaborar co concello na solución dos problemas do territorio e axudar na aplicación de políticas que preveñan situacións de risco, conflitos veciñais e causas de inseguridade e marxinación

Atribucións que teñen que ver moito co caso que nos ocupa.

Aínda así, non se convocou ao Consello Territorial do Val, senón a unha única asociación. De feito, non se enviou por email dende a Escola de Participación Cidadá ningún anuncio ás entidades, tal e como se fai cos acordos e ordes do día plenarios, actividades culturais e deportivas, etc. É curioso, pero parece como se o único que funcionase da Concellería de Participación Cidadá fose a Escola, e cando ésta pecha por vacacións fose como se non houbese Concellería, nin concelleira ou persoa delegada que atendese as súas responsabilidades nunha posible ausencia.

Lamentablemente, a AVV do Val non tivo tampouco a ben comentar nada sobre este tema a ningún veciño, nin como curiosidade, porque a grande maioría da xente que estaba na reunión coñecía deste proxecto dende había unhas semanas. Probablemente, apenas mirarían o proxecto. Tal e como comentaba o membro asistente desta asociación "fixemos o que nos mandaron". Un feito que os membros do goberno alí presentes usaron para darlle a volta á situación, xa que ante isto declararon que iso xa era responsabilidade da AVV, e que se ésta non funcionaba, que ao mellor a veciñanza tiña que botalos e poñer a xente válida para esa responsabilidade. Unha resposta non exenta de razón, pero ¿acaso non sería aplicable tamén ao goberno municipal?
 Esta actitude debería ser tida en conta moito por calquera outra AVV de Narón: saiban que ante unha deixadez da súa responsabilidade como administración local, é probable que o goberno municipal os use como cabeza de turco para sair indemne da situación. E despóis "ahí me las den todas".

Hai opinións que non merece a pena escoitar

O curioso deste argumento é que non vai referida a casos nos que as increpacións proveñen de persoas con ánimo de montar liorta. Na reunión, unha persoa expresou que na súa opinión o citado proxecto ía supoñer un custo e un trastorno grande nas propiedades da veciñanza e que non ía aportar o beneficio esperado -reducción de tráfico a motor en favor de ciclistas ou peóns-, e que por iso non o quería. Pois ben, ao concelleiro Ramos non lle pareceu unha opinión a ter en conta, nin sequera discutible. O malo é que tampouco o xustificou.
Para nos, esa queixa da información moi importante: fainos saber que esta persoa non comprende o obxectivo do proxecto nin os beneficios que aportará. De feito, en ningún material aportado pola Xunta como promotora do proxecto se indican en qué se amparan para supoñer que se obterá ese beneficio. Todos sabemos que camiñar e andar en bicicleta é un hábito máis saludable que andar no coche. Pero non sabemos se tendo en conta as características desta zona -relevo, climatoloxía, lugares de interese, conexión con outras sendas semellantes- e as circunstancias da poboación -idade, tempo libre, ...- esta infraestructura por sí mesma xerará o beneficio esperado. Tal vez sexa necesario coordinalo con outros plans. Ou tal vez houbese outros treitos máis susceptibles de seren afectados e que resultasen máis interesantes para a poboación da zona -como unha senda interior, en lugar da estrada xeral, tal e como indicaba outra persoa asistente a esta reunión-. Lembremos ese posto de préstamo de bicicletas morto de risa no Polígono do Río do Pozo: as bicicletas seguen a ser un medio de transporte saudable e non contaminante, pero alí non están a dar servizo algún.

De feito, os proxectos plantéxanos varias dúbidas. Por exemplo, din que "Se ha seleccionado el margen derecho porque de esta manera se puede realizar la senda continua entre los puntos kilométricos seleccionados sin tener que realizar ningún cruce en la calzada, además la afección a bienes privados es inferior por el lado derecho." Sen embargo, non se indica o custo estimado de facelo polo lado contrario, nin o número de afectados. Ademáis, hai que lembrar que tódolos accesos a praias e áreas comerciais na zona -cooperativas do Val e Meirás-, colexios, varios locais sociais -O Val, Meirás- se atopan no lado esquerdo, e que obrigarán a cruzar a estrada a peatóns e ciclistas nun importante número de ocasións.
Outra cuestión referida no proxecto do tramo 1 é que "La intensidad de peatones y ciclistas para el tramo estudiado es baja" (páx. 54). ¿Non xera isto dúbidas sobre a construcción desta infraestructura? ¿Realmente a Xunta vai executar esta obra por considerala necesaria, ou aproveitando esas subvencións ofrecidas por Europa? Algo que -lamentablemente- nos caracteriza é que por ignorancia temos a mala costume de facer as cousas por inercia e sen crer nelas. Algo que logo non nos da moi boa imaxe de cara ao exterior. Sobre todo cando veñen os inspectores da UE a botar unha ollada e atopan que está todo "manga por hombro". Algo do que os únicos que sacan unha boa tallada son as empresas de construcción de infraestructuras. 

Se os políticos de Narón teñen tan claras as cousas, non deberían desprezar as dúbidas da cidadanía, senón que deberían sentirse confiados en poder convencelos con eses argumentos dos que dispoñen. Sobre todo porque o fundamental da labor dun político é a de convencer. Aínda que por desgraza, aquí se estila máis a política de feitos consumados: facer mentres ninguén se entere, e despóis entonar un "agora xa foi". 


Conclusións da reunión do sábado 27 de agosto

  • Eliximos Narón entregou aos afectados un documento con alegacións que detectaron, así como un formulario no que introducir as que detecten éstes no seu caso particular. Nos puxémolas a disposición de quen as necesite na seguinte ligazón: [Alegacións Eliximos - PDF] 
  • O concelleiro Ramos comentou que os técnicos municipáis estaban a revisar o proxecto, e que rematarían de facelo o martes 30 de agosto. De ser así, e atendendo ás peticións dos asistentes, convocarían unha reunión para o mércores 31. Pois ben, a estimación anterior debeu cumplirse xa que este martes 30 informáronnos que anunciaran por megafonía na parroquia que o Concello de Narón convoca ás persoas afectadas a unha reunión  o mércores 31 de agosto, ás 20:00h no Local Social do Val. Para anuncialo -xa que o Concello non fixo tal anuncio- fixemos o seguinte evento de Facebook que podedes compartir: https://www.facebook.com/events/1163296627068149/

Ler máis »

venres, 26 de agosto de 2016

Información sobre as sendas peonís que construirá a Xunta na parroquia do Val


Vive vostede na parroquia de O Val? A súa vivenda ou propiedades lindan coa AC-116, máis coñecida como "carretera general" ou "estrada Ferrol-Meirás-Valdoviño"? Entre a intersección coa DP-5408 -o cruce da Concha- e Meirás? Na marxe dereita en dirección a Valdoviño?

Se cumple todos estes requisitos, este artigo interesaralle moitísimo. Por qué? Fundamentalmente porque é moi probable que sexa afectado por unha expropiación do seu terreo por mor dunhas obras que terán lugar nese lado da estrada. E o máis importante: o prazo para presentar reclamacións remata o vindeiro 5 de setembro.


Antecedentes

Comezaremos polo principio. As citadas obras corresponden ao denominado "Plan de Sendas de Galicia", anunciado pola Xunta de Galicia no pasado mes de marzo, e que tamén sería anunciado pola prensa local posteriormente en artigos como:

Un plan que, polo que puidemos atopar en prensa, ven dun proxecto da Xunta que tiña por obxectivo estudar a posibilidade de concorrer a subvencións dos fondos europeos 2014-2020 para mobilidade sostible, e que se comezou a fraguar a principios do 2015, tal e como informaban estas noticias:
Pois ben, o pasado 30 de xullo, La Voz de Galicia e Diario de Ferrol informaban que os proxectos das dúas sendas plantexadas para Narón e Valdoviño poñíanse en período de información pública. Ainda así, recomendamos a lectura da seguinte nova, xa que da máis claves sobre eses dous proxectos:


O lector do artigo atopará unha chea de nomenclatura sobre vías e puntos kilométricos que non axuda nada á comprensión do que se pretende levar a cabo. O único parágrafo que aporta información clara é o seguinte:

A beirarrúa de Canteiros e os primeiros 140 metros da de Meirás demoleranse, as primeiras para acadar maior continuidade na solución e as segundas polo seu reducido ancho.

A sección tipo permitirá a circulación de peóns e ciclistas e constará de carril para uso de bicicletas de 0,9 metros máis zona para uso peonil de 1,8 metros de ancho mínimo. No tramo comprendido entre o PK 9+440 e o 10+420 executarase ademais unha banda vexetal de separación da calzada de 0,5 metros.


Aclarando a cuestión: información comprensible sobre os proxectos

Usando a información que enlazamos de prensa, foron quen de entender en qué consiste o proxecto? Nos non fomos capaces, así que tivemos que investigar un pouco máis, e tirar de recursos como o Catálogo de Estradas da Xunta de Galicia, e visitar a web da Consellería de Infraestructuras e Vivenda para conseguir entender plenamente cómo se ía desenrolar este proxecto.
Pois ben, a senda peonil que unirá Valdoviño e Narón construirase na marxe dereita da AC-116, máis coñecida como Estrada Ferrol-Meirás-Valdoviño. Dita senda comezará no cruce da Concha e continuará por esa vía ata entrar no termo municipal de Valdoviño, rematando un pouco despóis do cruce coa estrada que vai á praia do Porto en Meirás.
Esta senda estará desenrolada en dous proxectos distintos:

1) Itinerario peonil e ciclista na AC-116. Treito: Río do Pozo - AC-114. P.Q. 4+120 - 6+500. - É dicir, tramo A Concha - Cruceiro de Baltar

Realmente, o punto final deste proxecto é a parada de autobus situada a uns 200 metros en dirección Meirás despóis deste cruce. Tódolos detalles do proxecto están dispoñibles na seguinte dirección: http://bit.ly/2bh6Sce

2) Itinerario peonil e ciclista na AC-116. AC-114 - Meirás. P.Q. 6+280 - 9+270. É dicir, tramo Canteiros - Meirás (cruce con estrada a Praia do Porto)

Realmente o proxecto exténdese un pouco máis aló da altura da Pizzería Campelo. Os datos deste proxecto poden descargarse nesta dirección: http://bit.ly/2bjxYy9


Nas dúas direccións referidas arriba, aparece a ligazón a dous documentos:
  • Anuncio no DOG do período de información  pública do proxecto: neste anuncio se indican varias cousas:
    • O período para presentar reclamacións é de 30 días hábiles dende a publicación dese anuncio. É dicir, ata o 05/09/2016. As reclamacións deberán presentarse por escrito ante a Axencia Galega de Infraestructuras. No caso que nos ocupa, bastaría con achegarse ao edificio administrativo da Xunta que hai en Ferrol, na zona da Praza de España.
    • Inclúese un listado cos datos das parcelas a expropiar e os seus propietarios.
    • Indícase onde poderá consultarse o proxecto: aparte das citadas ligazóns, indícase que poderá consultarse na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas da Coruña (R/ Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña), na Casa do Concello de Narón (Praza de Galicia, s/n, 15570 Narón, A Coruña) e na Casa do Concello de Valdoviño (Porta do Sol, s/n, 15552 Valdoviño, A Coruña).
  • Documento do proxecto: contén o proxecto íntegro, incluíndo planos e detalles técnicos da execución do mesmo. Independientemente do tramo no que estéa situada a súa propiedade, recomendamos visionar primeiro o proxecto do tramo 1, xa que é máis sinxelo de comprender. Por certo, ollo, porque o proxecto do tramo 2 é bastante grande (>200Mb).

Portada do documento do proxecto do tramo 1 da senda





Qué revisar?

Advertimos que nesta redacción non hai ningunha persoa cun perfil técnico en materia de infraestructuras. De tódolos xeitos, tras botar unha ollada, atopamos certas cuestións que deberían ser revisadas polos afectados:

  1. Eu teño propiedades na marxe dereita -dirección Meirás- da estrada. Está afectada a miña propiedade? Case que con toda seguridade, sí. Para corroboralo, habería que comezar por botar unha ollada aos planos. Nos proxectos, existe unha sección denominada "expropiaciones"
    • No proxecto do tramo 1: páxina 73
    • No proxecto do tramo 2: páxina 121

    A parte inicial desta sección está adicada á normativa aplicable en materia de expropiacións, e a súa valoración. A continuación, hai unha sección denominada "planos de expropiación" (tramo 1, páxina 85 ; tramo 2, páxina 131) onde se indica con cor amarelo qué zona será expropiada. Este plano é máis comprensible no tramo 1, xa que emprega vistas aéreas en lugar dun mapa cartográfico.

    Unha cuestión importante a ter en conta, e que aparece reflexada nos proxectos é a seguinte: hai situacións nas que non se expropia, porque o terreo xa fora expropiado en actuacións anteriores. En caso de que na súa propiedade vaia ter lugar a obra, pero non apareza sinalado como expropiado, deberá comprobar esta situación.

  2.  A miña propiedade está afectada. Estou na lista de afectados? Tanto dentro da sección "expropiaciones" do proxecto, coma no anuncio do DOG, aparece un listado coa relación de titulares e bens a expropiar. Comprobe que se no plano aparece en amarelo a súa propiedade, tamén aparece esta no listado.
  3. Estou na lista de afectados. Están correctos os datos da miña propiedade?
    No citado listado de titulares, debería comprobar que está ben reflexado os datos do titular. Tamén sería necesario comprobar que están correctos os datos co tipo de chan e o seu uso. Neste punto -e debido á nosa carencia de coñecementos na materia- non podemos dar moitas pistas de cómo comprobalo. Na sección de "expropiacións" do proxecto indícase que para clasificar o chan empregouse o indicado no artigo 21 do Real Decreto Legislativo 7/2015, de 30 de octubre, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley de Suelo y Rehabilitación Urbana, onde se define o significado de "suelo rural" y "suelo urbanizado". Son estas definicións as que se terán en conta para valorar o terreo expropiado, xa que como indican "El R.D.L 7/2015, el cual ha entrado en vigor a partir del 30 de octubre de 2015, determina la desvinculación entre clasificación y valoración del suelo: “Debe valorarse lo que hay, no lo que el plan dice que puede llegar a haber en un futuro incierto” (Preámbulo)."

    Polo tanto, valorarase non o a tipoloxía de chan especificada no PXOM, senón a que resulte de aplicar este RDL 7/2015.

    De tódolos xeitos, hai quen sí lles podería informar con precisión ao respecto. Non se imaxinan quén? Unha administración pública, de caracter local, financiada cos impostos da cidadanía de Narón: o Concello. Concretamente, a súa Concellería de Urbanismo. Afondaremos máis adiante nesta cuestión.

  4. Ten o proxecto en conta as características da miña propiedade?
    Voltando ao listado de bens a expropiar: no caso do proxecto, o listado é máis detallado, porque ademáis dos titulares, os bens e a súa tipoloxía, tamén ven unha descrición de que bens concretos serán afectados polas obras. Por exemplo, no tramo 1: "cierre bloque de balaustrada", "cierre bloque de verja", "pórtico", "traslado portal 1 hoja", "traslado portal 2 hojas". No tramo 2: "cierre arbolado".
    Deberían comprobar se -segundo o que amosa o plano- algun ben concreto da súa propiedade será afectado polas obras, tanto a nivel concreto, como comparando: é dicir, se a algún veciño cunha situación semellante lle recoñecen afectacións diferentes. Por exemplo, hai a quen lle recoñecen un "cierre arbolado": se teñen árbores na zona afectada, deberían comparar a súa situación con esa situación. Unha cousa que consideramos útil sería fotografar a zona afectada polas obras antes do seu inicio, e despóis do seu fin, por se fose preciso realizar algunha reclamación. 

    Outra cuestión que detectamos importante é a das saídas das fincas. Se botan unha ollada aos planos das actuacións a realizar, verán que aparecen sinalizadas en cor negro (tramo 1) ou marrón (tramo 2) os accesos ás vivendas que hai que repoñer durante a obra. Comproben que aparecen sinalizados os accesos á súa vivenda. Na imaxe de abaixo amosamos un fragmento dun plano do tramo 2 no que aparecen vivendas con e sen saída sinalizada:

    Onde vai a saída das vivendas 2 e 4?

    Non estamos a asegurar que se trate dun erro, máis se como nos pasou a nos, non atopan explicación a este feito, deberían solicitar que llo aclaren. Non vaia ser que despóis se leven unha sorpresa desagradable.
  5. Estou conforme co resultado que terán as obras? Como cidadán e habitante da súa parroquia, tamén ten todo o dereito a opinar sobre o resultado das actuacións a realizar. Os enxeñeiros que elaboran os proxectos son xente moi estudada, pero pode que non teñan en conta cuestións que son intuitivas para unha persoa que viva no lugar onde se realizará un proxecto. Na seguinte imaxe amosamos as seccións da situación actual da estrada, e do resultado despóis das obras no tramo 1. Para máis detalles, consulten os proxectos completos

    Seccións actuais e proxectadas da estrada. Faga click para facer máis grande

Teño unha morea de dúbidas. Qué fago?

Tras a lectura dos anteriores puntos, é moi probable que se atope cunha morea de dúbidas respecto a cómo afectará esta obra ás súas propiedades, se será indemnizado por expropiacións, en qué cantidade, e se o criterio para indemnizalo é acorde coa realidade.
Dado que hai un bo número de persoas na parroquia do Val co mesmo problema, e que un dos xeitos de saber se están a tratar por igual tódolos casos é comparando e intercambiando información entre todas, sería fundamental organizar unha reunión para tratar o tema.

O concelleiro Alfonso Casal, de Eliximos Narón, convocou unha reunión para tratar esta cuestión o pasado martes 16 de agosto no Local Social do Val. Pois ben, este sábado 27 de agosto, ás 10:30h, terá lugar unha nova reunión no Local Social do Val para volver a abordar o tema.

Descoñecemos se irá acompañado de alguén para resolver dúbidas sobre as cuestións que nos xurdiron a nos mirando os proxectos. Pero como mínimo, quedarán salientados os problemas comúns, e poderá facerse máis forza á hora de ir a reclamar -por exemplo- que o Concello se poña ao seu servizo para aportar máis información sobre as cuestións técnicas e administrativas deste proxecto que escapen ao seu entendemento. Ademáis, servirá para coñecer inconvenientes detectados por outros veciños sobre este proxecto, e que poden afectarlles a vostede.

O papel do Concello e outras entidades respecto a este proxecto

Durante a anterior disertación, por dúas veces fixemos mención ao Concello de Narón. E con toda a razón do mundo: é a administración local a que ten a competencia na execución do plantexamento urbanístico, tal e como reza o artigo 94 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia. Isto supón que debería estar pendente de calquera actuación que teña lugar no termo municipal, e velar, non so por que sexa acorde co plantexamento en vigor, senón tamén por que  non interfira con éste, e de buscar xeitos de coordinar tales actuacións con outras planificadas polo propio Concello.


En virtude a ese -desexable- interese do Concello respecto ás actuacións urbanísticas realizadas no termo municipal, descoñecemos se a administración ten intención de presentar alegacións aproveitando este periodo de información pública. E non só ante a posibilidade de que puidese achar erros técnicos no proxecto. A nos, nada máis botarlle unha ollada a este proxecto, se nos veu á cabeza o proxecto da rede de saneamento municipal, pendente de executar nunha boa parte da parroquia do Val, xurdindo preguntas como as seguintes:
  • Por qué non se coordinou a obra das sendas coa de instalación do saneamento nese treito?
  • Cando se instale a rede de saneamento na zona pendente que ocupa a senda, ¿será preciso demolela e volver a refacela?

En caso de que a resposta á última pregunta sexa afirmativa, estariamos ante un derroche inxustificado de cartos, tanto dos fondos europeos que financian a construcción da senda, como dos das arcas municipáis, financiados cos tributos da cidadanía de Narón. E fundamentalmente, por causa da habitual pose indolente do goberno municipal con respecto a estas cuestións. Nun escenario tal, o grande beneficiario sería quen executa as obras, xa que a redundancia de construir-destruir-construir- ... supón máis gasto que coordinar varias obras de xeito que se fagan do modo máis eficiente posible.

En caso de que o Concello presente algunha alegación, tamén sería boa cousa que informase de en qué consistirían. Sobre todo, porque pode que sexan de interese de algunha das persoas que verá afectados os seus terreos polas obras.  E isto, nos leva á cuestión de sempre: facer unha asemblea no barrio ou barrios afectados para aportar información, e recoller peticións veciñais ao respecto. É dicir, o que ven sendo convocar un Consello Territorial de Participación Cidadá. Polo tanto, veriamos tamén involucradas neste tema á Concellería de Participación Cidadá e á Concellería de Urbanismo, responsable da materia a tratar. E xa que falamos de Participación Cidadá, sería preciso tamén meter no allo ás entidades asociativas locais: en especial, á AVV do Val, que se supón que existe para actuar ante cuestións de interese xeral da parroquia.

Sen embargo, a realidade dista moito desta desexable forma de proceder. O proxecto do tramo 2 permitiunos saber que tivo lugar unha reunión entre os Concellos de Valdoviño, Narón e técnicos da Axencia Galega de Infraestructuras. Froito desta reunión, o Concello de Valdoviño presentou unha solicitude pedindo que a senda se extendese ata enlazar coa da Lagoa da Frouxeira (ver páxina 22 do proxecto do tramo 2). Finalmente, se ben non se concedeu totalmente a petición, sí se extendeu a senda, tal e como se indica no proxecto:

Además, tras la petición del Ayuntamiento de Valdoviño de ampliar el tramo en cuestión, la
actuación se prolonga hasta prácticamente la finalización de la carretera AC-116.
De esta forma, los tramos a estudiar son los siguientes:
- Tramo 1: P.K. 6+500 a 8+800
- Tramo 2: P.K. 9+440 a 10+405
- Tramo 3: Intersección en P.K. 12+050

 Consultando a prensa, e as novas que publica o Concello de Narón na súa páxina web, non atopamos ningunha información respecto a esta reunión, que polo documento presentado polo Concello de Valdoviño ante a Axencia Galega de Infraestructuras, debeu ter lugar antes do 29 de xuño deste ano. De feito, non atopamos ningunha nova do Concello respecto á construcción da senda. O Concello limitouse símplemente a cumplir o esixido por lei de publicar no seu taboleiro de anuncios o anuncio do DOG, e ter unha copia dos proxectos a disposición de quen o quixera consultar. Pero nada máis. ¿Cre alguén que con tan pouca publicidade haberá moita xente que se entere deste feito? Transparencia non e só ter un portal premiado: tamén é divulgar o que é importante para a cidadanía de xeito proporcional.
 Tampouco nos consta que o goberno municipal se reunise coas entidades veciñais da parroquia do Val para informar sobre o proxecto nin sobre o resultado da citada reunión. E se o fixo, o que sí nos consta é que a veciñanza desta parroquia do Val non foi informada absolutamente de nada. Respecto á AVV do Val, a tan so aparece na súa páxina de Facebook compartida unha noticia do Diario de Ferrol sobre esta obra co comentario "Parece que por fin a Xunta vai facer algo bon no Val.A ver si e certo", e que da a sensación de que non teñen información algunha sobre esta cuestión.  Iso si, a citada noticia do Diario de Ferrol aporta algo máis que non veramos ata o momento:

Con el objeto de complementar esta intervención, el Concello tienen en proyecto la construcción de otra senda de similares características que conecte la AC-116 con el campo de fútbol de O Val. “Aprovechando la actuación de la Xunta queremos complementar la actuación”, explicaba ayer el concejal de Urbanismo, Manuel Ramos. Para la ejecución de la iniciativa el Concello está buscando financiación y su pretensión es sufragarla con cargo a los presupuestos del próximo año, según avanzó el responsable del área.


¿Plantexaríanse solicitar a extensión da senda ata o campo de futbol -tal e como fixo Valdoviño-, ou nin se lles pasou pola cabeza? O feito é que por escrito semella que non o solicitaron.

Volvendo á AVV do Val, outro detalle do que tivemos constancia é que na primeira reunión convocada polo concelleiro de Eliximos sobre este tema, lles negaron a posibilidade de facer a reunión no salón de actos, obrigando así a realizala no andar superior do Local Social nun espazo excesivamente reducido para as cerca de 20 persoas que asistiron, e soportando un calor abafante. Todo un detalle tratándose dunha cuestión que interese xeral para a parroquia polo número de persoas afectadas. Un trato que non cremos que sexa conforme ao recentemente aprobado Regulamento de Cesión de Uso de Locais Sociais de Narón.

En fin, esta é a triste realidade deste Concello de Narón e a súa relación coa veciñanza. Con isto, pechamos o noso artigo, convidando de novo a participar nesa reunión -lembren, sábado 27 ás 10:30h no Local Social do Val- sobre un proxecto que xera bastantes incógnitas ao poñerse na pel dun dos afectados polas mesmas. Teñan en mente que o prazo para presentar alegacións remata en algo máis dunha semana (5 de setembro).



Ler máis »