luns, 5 de xuño de 2017

PXOM (II) - Un artigo de ADEGA titulado "Plans de Ordenamento Urbano"

Na nosa busca de información para destacar a importancia do PXOM de Narón, atopamos este artigo de ADEGA (Asociación para a Defensa da Ecoloxía Galega) publicado na súa revista CERNA Nº56, titulado "Plans de Ordenamento Urbano" e escrito por Lois Manoel Toirán.

A continuación reproducimos íntegro o contido dese artigo, ao que engadiremos comentarios sobre as particularidades do caso de Narón:

Portada da revista CERNA - Nº56




PLANS DE ORDENAMENTO URBANO

Lois Manoel Toirán*

Os PXOUs ou PXOMs son os Plans Xerais de Ordenación Urbana ou Municipal, un instrumento do que dispoñen os concellos para, moito máis aló de ordear o crecemento urbanístico ou o desenvolvemento do rural, a ordenación do territorio: cales van ser os seus usos, incluíndo temas esenciais como economía, medio ambiente, infraestruturas, etnografía... ou mesmo a calidade de vida da veciñanza. Paralelamente leva consigo unha normativa que rexerá as futuras actuacións.

PASOS PREVIOS
Na teoría estes documentos precisan para a súa planificación dunha serie de estudos iniciais sobre os que traballar, así como ter en conta a variada lexislación que deben recoller. Ao mesmo tempo deberan de reflectir tamén tanto as necesidades e sensibilidades sociais, como as propostas políticas dos gobernantes do que consideran o camiño a seguir. Pero indo máis aló, estes proxectos terían ao mesmo tempo que ter en conta aspectos comarcais, nacionais, estatais e mesmo internacionais. Aí temos por exemplo a AXENDA 21 ou o cambio climático, os espazos naturais, protección e fomento do rural, ou determinadas políticas galegas ou doutros niveis máis xerais, etc. A coordinación entre institucións debera ser fundamental.
En canto ás fontes de información de partida indicadas neste parágrafo, non temos coñecemento da existencia de estudos iniciais, nin da posibilidade de consultalos, salvo no caso da lexislación. Tampouco sabemos a importancia que lle deron á AXENDA 21, aínda que polo de agora en materia de política municipal a verdade é que a ignoraron en gran medida: de feito, non atopamos informe ou documentación algunha no Portal de Transparencia relativa ao grao de implantación da mesma. O que temos moi claro é que non tiveron modo de obter información sobre as sensibilidades e necesidades sociais, xa que a participación cidadá é moi deficitaria e non inclúe nin ten en conta a toda a cidadanía. De feito, o caso da Cementeira de Castro foi un flagrante caso de insensibilidade urbanística. 
Pero que é o que ocorre en incontábeis casos? Non é nada inusual, para o abraio de todo o mundo, que o propio equipo técnico redactor (que pode ser de Madrid ou de calquera outro sitio e descoñecedor da realidade) conte con cartografía incorrecta ou desfasada para empezar a traballar, con que non haxa nin se realicen catálogos correctos dos bens etnográficos, que non se teña en conta zonas de inundacións e que nin aparezan inventariados os espazos naturais a protexer.
En canto a inundacións, habería que ter en conta os casos reflectidos nas novas dos últimos anos:

Respecto a bens etnográficos, hai que ter moito ollo, xa que hai advertencias de desprotección ou actuacións nefastas:

A esas, nos engadimos o enguedellado traxecto do Camiño Inglés entre A Gándara e o Couto: https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=8329713

Sobre espazos naturais a protexer, o principal e máis magoado é a ría: e a ubicación actual de industrias contaminantes como Megasa, integrada tamén nun núcleo de poboación deixa bastante que desexar. Temos que lembrar que no seu momento se fixo unha ampliación desta planta facendo un recheo da ría. Haberá que ter ollo para saber se se reservan espazos para usos semellantes.

Por outra banda, mesmo se dan casos nos que o concello teña elaborada a Axenda 21 coa participación da veciñanza e que esta nin apareza mencionada nos estudos ambientais, económicos ou doutra índole nos documentos de ordenación. O mesmo pasa con temas como o cambio climático que quedan exentos e relegados a celebracións e actos propagandísticos do Día da Bicicleta, da Árbore ou doutras efemérides.
Sobre a Axenda 21 xa dixemos abondo arriba. Sobre o dos actos propagandísticos, deron plenamente no cravo.

As leis de aplicación para estes plans como a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Territorio ou as leis sectoriais (Augas, Patrimonio, Estradas, ...) poden quedar situadas nun segundo plano ante as presións do sector da construción. O exceso de edificabilidade ata límites escandalosos é unha das características máis comúns destes proxectos de urbanismo en moitas localidades.
Segundo a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), en Narón hai 3.186 vivendas desocupadas, o que supón cerca do 16% da vivenda total existente. Dada a actual situación económica da comarca, que está a provocar o descenso de poboación -sobre todo no caso do veciño Concello de Ferrol- que busca oportunidades laborais, o feito de que a comarca acumule máis de 24.000 vivendas desocupadas (La Voz de Galicia - Ferrolterra, Eume y Ortegal aglutinan 24.442 viviendas desocupadas), o progresivo envellecemento da poboación, a reducción na distancia entre nacementos e defuncións, ... fan crer que a edificación de nova vivenda non debería ser unha gran prioridade para Narón a nivel social. Evidentemente, o sector da construcción e os responsables de recadación do Concello -as licenzas de construcción aportan interesantes sumas- dirán o contrario.





A REALIDADE
A Xunta, como nunca sucedera antes, tivo que adoptar medidas para parar este sen sentido hoxe demostrado, por exemplo, coa crise da construción. Non faltou tempo para que empresarios da construción como a APEC (Asociación de Empresarios da Construción) saíran nos medios criticando calquera medida que procurara unha mellora da situación nun panorama desolador. Mesmo a Lei do Hábitat non se salvaba da “Lei do Tixolo” ditada por aqueles empresarios carentes de sensibilidade.

Milleiros de novas vivendas, millóns de metros cadrados urbanizábeis, novas autoestradas, circunvalacións, viais en xeral, poñíanse ao servizo dos construtores e dos seus patrocinadores-alcaldes nas cidades e vilas para espallar un estilo de vida, unha cultura que ignora os milleiros de vivendas baleiras ou aquelas outras abandonadas sen restaurar, agredendo ao medio rural (especialmente o máis próximo aos núcleos urbanos) e ao contorno natural e desoíndo aos colectivos veciñais e de todo tipo, como os colexios profesionais de arquitectos, xeógrafos, ... a maiores dos ecoloxistas. Aquí hai que resaltar como os novos viais son a ferramenta máis idónea da que se valen os urbanizadores para penetrar en espazos ata o de agora libres deste desenvolvemento insostíbel. O uso dos medios de transporte privados multiplícase e satura as novas vías de comunicación entre a cidade e as urbanizacións ou concellos - dormitorio lindeiros.

https://www.google.es/maps/@43.5187847,-8.1628659,379m/data=!3m1!1e3


Por outra banda, ata o momento foi característico, especialmente das grandes cidades, o illamento e/ou aniquilamento dos núcleos rurais tradicionais e do solo rústico en xeral, nas súas distintas variantes de protección. A urbanización tipo chalé faise dona de determinados espazos, chegando a substituír a cultura, o estilo de vida e mesmo lugares característicos galegos protexidos do contorno rural e natural fornecedor de alimentos, de biodiversidade e de calidade de vida.

Non se libran deste culto á construción os bens etnográficos: castros, camiños reais ou mámoas e conxuntos líticos quedan desfeitos ou sepultados baixo as construcións, se non hai alguén que denuncie a súa existencia e posta en valor.

Pensando nas cidades e vilas non debera ser posíbel que ante os enormes e numerosos polígonos industriais que se instalan (non valoremos agora a súa idoneidade), que non veñan acompañados dunha liña ferroviaria de mercadorías como medio de transporte fundamental.

PERSPECTIVAS
Viuse como a política pola que a construción se convertera nun dos eixos do crecemento económico estaba fondamente errada. Pero o sentido común tamén aconsellaba a través das denuncias xa feitas dende hai décadas (sobre o crecemento negativo da poboación, as consecuencias do uso dos combustíbeis fósiles ou o mal uso das enerxías e a prol da protección dos nosos valores naturais e rurais) que os Plans de Urbanismo deberan ser un instrumento máis para o desenvolvemento sostíbel da sociedade. É visíbel e palpábel que numerosos concellos teñen problemas para a súa tramitación, sexa por recursos presentados por particulares ou colectivos, sexa pola intervención da propia administración autonómica. Nunca houbo tantas leis. Só é necesario, e dun xeito urxente, que se cumpran.

Un cambio favorábel parece que se está a albiscar, insuficiente en numerosos casos. Este cambio na sensibilidade ten que percorrer e limpar, en primeiro termo, ás corporacións municipais e, despois, a todo un sector da sociedade que durante anos aprendeu que a especulación era un xeito de gañar cartos a costa do que fora, do noso contorno, da calidade de vida ou das economías familiares.

* Lois Manoel Toirán é membro de ADEGA e da Plataforma: “Lugo, a mellor cidade do mundo!



Agardamos que o artigo fose do interese dos lectores, e amose a importancia dun PXOM e os vicios dos que adoecen polo xeral. Dende aquí convidamos tanto á cidadanía a organizarse para analizar a parte deste plan que lle corresponda, como a aquelas persoas con coñecementos sobre urbanismo que quixesen aportar a súa opinión de xeito desinteresado para aportar máis puntos de vista sobre este tema. A labor que quedará por facer nos 2 meses que nos da o Concello -pois é quen decidiu gardar a documentación fora do alcance da xente ata que a publique a Consellería de Medioambiente- será enorme, e inabordable se non se fai de xeito colectivo.

Seguiremos informando...

Ningún comentario:

Publicar un comentario