venres, 1 de decembro de 2017

URXENTE: Aprobado o primeiro tramo de senda peonil do Val (A Concha - Baltar). Despídanse dos seus muros...

Por desgraza acabamos de ver publicado no DOG de hoxe, 1 de decembro de 2017, que o pasado 21 de novembro a Axencia Galega de Infraestruturas aprobaba o plan exposto a información pública do primeiro tramo da senda peonil que cruzará O Val: Itinerario peonil e ciclista na AC-116. Treito: Río do Pozo - AC-114. P.Q. 4+120 - 6+500. (É dicir, tramo A Concha - Cruceiro de Baltar).

Segundo este anuncio publicado no DOG,  e a pesar de valorar tódalas alegacións recibidas, parece que tan so tiveron en conta as presentadas polo Concello de Narón (por certo, alegacións das que non coñeciamos o seu contido, e que o propio concelleiro Manuel Ramos consideraba imposible a súa divulgación en base a escusas peregrinas): concretamente, a petición de estender a senda ata o Convento de Baltar. Neste caso, afortunadamente, e segundo indican no anuncio do DOG, esta extensión non precisará de expropiacións por atravesar exclusivamente solo público.
Aínda así, e lembrando as nosas alegacións sobre o PXOM, é curioso que se faga esa extensión da senda ata un lugar que, aínda que se lle da a consideración de "un dos principais focos de atracción da zona", non está protexido axeitadamente (como no caso do hórreo que pertence a ese conxunto).

Lamentablemente, nunca saberemos en que tería quedado o proxecto de terse establecido un diálogo cos habitantes da zona e os propietarios dos terreos dende que se coñecía a proposta do proxecto, e en base ao acordado, a Concellería de Urbanismo tirase dos seus recursos para ofrecer unha proposta beneficiosa tanto aos propietarios coma aos potenciais usuarios do novo vial.

Por desgraza, e segundo o último parágrafo do citado anuncio, a os propietarios que se consideren prexudicados polo proxecto tan so lles quedan as seguintes posibilidades:
  • Recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
  • Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa
Neste punto, aproveitamos unha vez máis para resaltar a importancia do funcionamento da participación cidadá no concello: un traballo conxunto administración-cidadanía pode conseguir que unha inversión en infraestruturas sexa algo beneficioso, e non un trauma para os propietarios afectados polas obras. Por desgraza, e tal e como indicabamos nunha recente publicación en Facebooka participación actualmente está desaparecida.

Compre que sexa a veciñanza a que vaia tomando conciencia da participación como unha necesidade, e demandando a súa posta en práctica, aínda que -tristemente- a forma que teña de percibir tal necesidade sexa padecendo disgustos de cando en cando ...


Fontes:
Ler máis »